Thursday 02 de May de 2024

Comeza a construción da nova planta de compostaxe de Sogama, que estará operativa o próximo verán


A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, desprazouse hoxe ata o vertedoiro de residuos non perigosos de Areosa (Cerceda) para proceder á colocación da primeira pedra desta instalación

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio en funcións, Beatriz Mato, desprazouse esta mañá ao vertedoiro de residuos non perigosos de Sogama en Cerceda (A Coruña) para proceder á colocación da primeira pedra da futura planta de compostaxe industrial que a compañía pública levantará neste emprazamento, e que previsiblemente estará operativa o próximo verán.

Esta instalación, que xa viña contemplada no Plan galego de xestión de residuos urbanos 2010-2020 e na que se investirán uns 2,4 millóns de euros, procesará a materia orgánica procedente de grandes xeradores tales como mercados, centros comerciais, restaurantes e hospitais, entre outros.

O obxectivo último é que a instalación produza un compost de calidade que cumpra con todos os requisitos establecidos pola normativa vixente e que poderá ser aplicado ao solo sen restricións, “servindo como un excelente abono para a terra”, subliñou Mato.

Seguindo a premisa da economía circular de “converter os residuos en recursos” e coa pretensión de propiciar a máxima recuperación dos materiais contidos no lixo, previamente clasificaranse os materiais susceptibles de ser reciclados –como metais ou plásticos-, que serán remitidos á industria da reciclaxe para posibilitar a súa transformación en novos produtos. Deste xeito, preténdese poñer en valor o conxunto dos residuos, ben mediante a súa reciclaxe ou ben mediante a súa compostaxe.

Operativa da nova instalación
Cunha capacidade para 15.000 toneladas anuais, estímase que a planta producirá ao redor de 3.000 ou 4.000 toneladas de compost cada ano. Para que este cumpra con todos os requisitos de calidade, é necesario que os residuos orgánicos que entren na mesma teñan sido correctamente seleccionados en orixe, minimizando así o risco de contaminación.

Separados os elementos susceptibles de ser reciclados, nunha primeira fase a materia orgánica introdúcese en pilas cerradas con inxeccións de aire durante un período de entre 6 e 8 semanas a fin de que esta fermente e comece a transformarse en “compost primario”. Posteriormente, trasládase a outras pilas diferentes con volteo e axitación de aire, introducíndose así na fase de maduración, que dura entre 6 e 10 semanas. O circuíto conclúe na fase final, na que se retiran as partículas pesadas e outros elementos impropios, acondicionando tres tipos de material: o refugallo, que non é compost, e que se valorizará material e/ou enerxeticamente; un compost de nivel 1, que é o groso; e un compost de nivel óptimo, que é o fino. Ambos compost pódense aplicar nos solos para aportarlles nutrientes e mellorar a súa estrutura.

Ampliación de Sogama
Esta instalación forma parte do proceso de ampliación da infraestrutura industrial de Sogama, un proceso de mellora no que se están a investir máis de 32 millóns de euros. A principal actuación será a construción dunha nova planta de recuperación de envases procedentes do lixo en masa. Grazas a ela, a capacidade do complexo verase notablemente incrementada, pasando das 550.000 toneladas ao ano aproximadamente a 1 millón. Isto supón que se poderán tratar nas instalacións practicamente todos os residuos urbanos producidos en Galicia, o que converterá ao complexo no máis grande de Europa e un dos maiores do mundo.

Ademais, con esta mellora aumentarase a contribución de Sogama á reciclaxe nun 30% e diminuirase a vertedura na mesma porcentaxe, depositando no vertedoiro de Areosa única e exclusivamente aquela fracción que non pode ser reutilizada, reciclada ou recuperada material e/ou enerxeticamente.

Deste xeito, continúase contribuíndo a que Sogama sexa cada día un modelo “máis eficiente, solvente e sustentable, en constante proceso de mellora”. Ao respecto, hai que recordar que nos últimos anos o complexo acadou máximos históricos de eficiencia, ao procesar 600.000 toneladas de residuos, un 28% máis que en 2009. Ademais, tamén se conseguiu reducir nun 55% as toneladas de lixo que se envían ao vertedoiro e en 2015 superouse por primeira vez a cifra récord de 516.000 megavatios/hora, o que significa que a enerxía xerada na planta de Cerceda equivale ao 12% da consumida polos fogares galegos.